sábado, 8 de octubre de 2011

Rodrigo Romaní

Director da ETRADVIGO
Responsable do Departamento de Relacións Exteriores
Materias: Práctica Orquestral.
Os comezos da vida musical se remiten á década dos 70 do pasado século. En Lugo, facendo o bacharelato, pon música a poemas de Fiz Vergara Vilariño e actúa en solitario en diversos locais e festivais da cidade e integra diversas bandas locais como "Roi Xordo" ou "Sendas  do Folc".Pasa a formar parte do "Movemento Popular da Canción Galega" e, en 1975, paritcipa no festival programado no Pabellón do Sar en Santiago no que se consagra dito movemento.
Estuda Psicoloxía en Santiago e ali coñece a Antón Seoane, Emilio Cao e Agustín Maroñas, cos que comeza a actuar profesionalmente.Autodidacta de varios instrumentos de corda e vento participa activamente e proxectos con Antón Seoane que cristalizarán nun duo ao que se sumaría posteriormente Xosé V. Ferreirós e que grava en 1978 o LP denominado "Milladoiro", que tería o Premio da Crítica do mesmo ano. Xunto co cuarteto de Ferreirós, Faíscas do Xiabre, e a integración de X. A. Méndez e Laura Quintillán en 1979, forma o grupo Milladoiro.
Ata o ano 2000, xunto con Milladoiro grava 14 discos, exercendo de arranxista, compositor e comunicador, asi como interprete principalmente de harpa céltica, bouzuqui, guitarra acústica, ocarina e voz.. Actúa en multitude de concertos en catro continentes e obtén os seguintes galardóns como o Pedrón de Ouro ou Galego Egrexio.
Estuda arpa clásica en Madrid con Susana Cermeño e colabora en directo e en gravacións con artistas como Alan Stivell, Chieftains, Bill Whelan, Liam O'Flynn ou Paul Winter. É solista de arpa céltica con orquestras como a Orquestra de Cámara Reina Sofía, a English Chamber Orquestra, a Radio Televisión Eireann ou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Obtén o Goya con Milladoiro á mellor Banda Sonora pola película "La Mitad del Cielo"
En solitario grava tres álbums "Albeida" (2001) , "Cantos Caucanos" (2003) e "As Arpas de Breogán" (2012) (Premios Opinión ao mellor disco do ano e  mellor artista), e produce os primeiros discos de músicos como Susana Seivane ou Treixadura. Funda o Conservatorio de Música Tradicional na Universidade Popular de Vigo en 1996. Dirixe o proxecto de investigación "Libro Branco do Ensino na Música Tradicional. Galicia 2006" e presidiu a Fundación Sondeseu desde a súa fundación ata o 2008.
En 2001 auspicia a creación da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu que dirixe dende o seu comezo.  É productor dos seus discos "Mar de Vigo", "Trastempo",  "Barlovento" e "Danzas Brancas". Tamén arranxa para a orquestra e se responsabiliza da sección de harpas.
Actualmente é director da ETRAD e integra o trio Lizgairo xunto con Anxo Pintos e Xosé Liz.

Xaquín Xesteira

Xefe de estudos
Mestre
Materias: Gaita. Conxunto Instrumental. Práctica Orquestral. Aula Aberta Banda de Gaitas.


Entroncado dende neno na música tradicional, tivo como principal mestre ao gaiteiro Nando Casal. Cursou estudios de gaita no que no seu momento era o Conservatorio Superior de Música de Vigo. Participou como gaiteiro e percusionista en varios concertos do grupo MILLADOIRO, e na gravación dos discos "Os Tempos Son Chegados", do grupo NA LÚA, "Sempre e Máis Despois" de FUXAN OS VENTOS, “Albeida” e “Cantos Caucanos” de RODRIGO ROMANÍ, “O Aghinaldo” de MALVELA, “Meniños Cantores” producido por PAI, e “O quiquiriquí” da Asociación de Gaiteiros Galegos.

Foi produtor artístico dos traballos discográficos da AGRUPACIÓN ABERTAL de A Rúa de Valdeorras (Ourense), PEDRAQUETIÑA (Toutón-Mondariz) e CANTIGAS E AGARIMOS (Santiago de Compostela). 

Presidente da Fundación Sondeseu e director das Seccións de Gaita e Percusión da Orquestra Folk SondeSeu. Autor do libro- cd MÉTODO DE GAITA GALEGA I e MÉTODO DE GAITA GALEGA II publicados no ano 2007 por Edicións do Cumio.

Compoñente e cofundador do grupo TREIXADURA con quen ten editado 7 traballos discográficos; e tamén é compoñente do grupo OS FAÍSCAS DE SOLOBEIRA.

Dendo xuño de 2015 é director do coro CANTIGAS E AGARIMOS, de Santiago de Compostela con quen editou o traballo discográfico titulado O CORAZÓN ABERTO (2018).



Foi mestre de gaita e percusión no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo e na actualidade é mestre de gaita na ETRAD (Escola de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo).

Anxo Pintos

Mestre
Community manager
Materias: Zanfona. Conxunto Instrumental. Práctica Orquestral. Sonorización e Gravación. Harmonización e Arranxos. Aula Aberta de Zanfona.


Músico multiistrumentista e compositor. Comezou os seus estudos musicais aos 8 anos, dacabalo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, do seu pai Suso Pereira e do Obradorio de Instrumentos Musicais Populares Galegos que dirixía Antón Corral, chegando a incluir na nómina dos instrumentos que toca a gaita, zanfona, violín, saxo soprano e frauta de bico. 

Cofundador do grupo de gaitas "Alfolíes", do Grupo Didáctico de Instrumentos Musicais Populares Galegos, da Banda de Gaitas "Xarabal", do grupo "Matto Congrio", co que gravou o seu único traballo en 1991. Fundador de "Berrogüetto" en 1995 con quen gravou 5 discos: "Navicularia"(1996), "Viaxe por Urticaria" (1998), "HEPTA" (2001), "10.0" (2006) e "Kosmogonías"(2010). Fundou o trío "Lizgairo" xunto  a Rodrigo Romaní e Xosé Liz, gravando "Diacronías" en 2009. En 2018 participa

Recibiu numerosos premios entre os que destacan o premio da crítica de Alemaña ao mellor álbum folk 1996 e 2001. Premio ao mellor grupo folk europeo (1997).  Unha nominación aos Grammy Latinos (2002). Premio Opinión ao mellor disco galego do ano con Berrogüetto (2002), Lizgairo (2009) e SondeSeu (2011). Premio da Academia á mellor canción en galego no ano 2011 con Berrogüetto. Premio da Música “Martín Códax” a mellor grupo folk 2013. Premio da Crítica de Galicia de música 2014. Premio Mestre Mateo 2014 á mellor banda sonora. Premio Andaina Senlleira de “La Opinión” 2015. Participa no CD "Sing Me Home" de Yo-Yo Ma e a Silk Road Ensemble que levou o GRAMMY a mellor disco de World Music do 2017.

Compositor de numerosas pezas instrumentais, algunhas delas forman parte do repertorio de  bandas tanto nacionais coma internacionais. Ten colaborado con músicos e grupos entre os que cabe citar a: Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Mercedes Peón, Uxía, Chouteira, Pilocha, Antón Seoane, Alfolíes, Sandeep Das, Wu Tong. Productor artístico de Riobó e Rústica (Cristina Pato, Davide Salvado, Roberto Comesaña e Anxo Pintos). En 2018 publícase Beiralúa, o último traballo da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu no que aparece a súa obra San Martiño, unha suite de 15 min de duración. Durante este ano asina a música do espectáculo de danza Entresoños para a compañía de Fran Sieira

Foi precursor á hora de elaborar e sistematizar unha técnica que permitira abranguer a aprendizaxe e interpretación na zanfona do repertorio tradicional galego. Froito deste traballo, é posible apreciar hoxendía a influencia da súa laboura á hora de entender este instrumento en Galicia. Foi mestre de zanfona durante once anos no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo. Na actualidade é patrono da Fundación SondeSeu, e compatibiliza  o seu labor na ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo) como mestre de zanfona, sonorización e gravación, harmonización e arranxos, Aula Aberta de Zanfona e community manager, co da direción da sección de zanfonas da Orquestra Folk de Galicia "SondeSeu".



Francisco Feijoo Álvarez (Chisco)

Mestre.
Materias: Canto Popular, Ritmos e Xéneros do Canto Tradicional, Polifonía, Tradición e Ciclo Anual, Danza, Conxunto Instrumental, Práctica Orquestral, Aula Aberta de Cantares de Troula.

Comeza estudos de música e baile tradicional en Vigo e formaliza estes estudos no Conservatorio Superior de Música. De seguida, despois de formar parte como instrumentista do grupo “LEMBRANZAS GALEGAS” dirixido polo mestre D. Emilio Sotelino, funda a Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro” onde desenvolve laborías de recuperación etnográfica e traballo de campo así como de dirección artística dos grupos titulares durante un período de quince anos. Participa como gaiteiro en grupos como “ARDENTÍA”,  “TRISQUEL” (liderado por Carlos Corra e Nancy Mouriño)l e  “AJRÚ” (liderado pola cantante Mercedes Peón), grupos cos que efectúa diversas gravacións. A finais da década dos  noventa, entra a formar parte do equipo docente do Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, hoxe en día reconvertido na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo, a  ETRADParalelamente, desenvolve a faceta de presentador no programa da TVG “Luar” no apartado de Recuperación das músicas e Bailes Tradicionais de Galicia.
Durante anos, colabora como cantante tradicional en gravacións de grupos como “QUEMPALLOU”,  “LIZGAIRO”, “PEPE BAAMONDE” e “SONDESEU”.
            Nestes últimos tempos, foi  vocalista do gaiteiro XOSÉ MANUEL BUDIÑO, co quen leva percorrido xa varios continentes e co que ten gravado no seu traballo discográfico de nome “Volta”. Ademais do traballo docente na ETRAD e no de codirector en “O Fiadeiro” é  coordinador da sección de canto e colaborador como cantante e bailador da Orquestra Folk de Galicia  “SonDeSeu” , 

Alfonso Franco

Mestre
Responsable de videocreación
Materias: Violín Folk, Conxunto Instrumental, Linguaxe Musical, Harmonía Elemental, Práctica Orquestral, Historia Xeral da Música, Negocio Musical, Aula Aberta de Corda Frotada.



Bolseiro na Xoven Orquestra Galega.Posuidor do Grao Profesional de Violín polo Conservatorio de Santiago.
Primeiro ciclo da carreira de Veterinaria na Universidade de Santiago de Compostela.

Na súa carreira como intérprete colaborou en gravacións e directos con grupos tan dispares como Sinistro Total ou Heredeiros dá Crus no rock; Os reis do KO en blues; cantautores como Javier Álvarez ou Jorge Drexler e Milladoiro ou Emilio Cao dentro da música folk. Paralelamente desenvolveu os seus propios proxectos musicais, como Galerna ou Tebra
Durante máis de quince anos formou parte do dúo de Arpa céltica e Violin coa arpista Paula Oanes, con quen actuou en Polonia, Francia, Portugal e Reino Unido e percorreu case a totalidade das capitais de provincia españolas en promocións turísticas de Galicia.
Violinista en Centro Dramático Galego: "A Lagarada" de R. Otero Pedrayo 
Violinista en Chévere: "Valle Inclán Pirata", que se representou en varios portos de España e Portugal a bordo dunha goleta centenaria.
Produciu e interpretou a música de numerosas películas de cinema mudo: The Kid, Dr. Jekyll & Mr. Hyde, Oliver Twist, O gabinete do Dr. Caligari, Amencer, etc. 

Imparte clase desde hai 20 anos na ETRAD 
Das súas aulas xurdiu o xerme da escena actual do violín folk galego.   
Desde o ano 2001 é coordinador da sección de corda da orquestra folk SONDESEU 
Representante de Galicia nos NAFCO (North Atlantic Fiddle Convention), celebrados en Canadá, Escocia, Irlanda e Cape Breton, onde presenta diversos relatorios e clases maxistrais de música galega.  
Nos anos 2011 e 2012 Alfonso Franco foi convidado por Alasdair Fraser a dar clases en California, no prestixioso curso Sierra Fiddle Camp, dedicado a Galicia.

Fundador e Director da  Asociación cultural "Galicia Fiddle" 
Creador dos proxectos
·       Sementeira de iniciación ao violín desde a infancia
·       San Simón Fiddle, campamento musical na illa de San Simón. 
·       Encordass: Curso internacional de verán de instrumentos de corda 
·       Galicia Fiddle Orquestra: formada polos mozos músicos xurdidos do SSF 

Alfonso visita desde o ano 2014 os distintos países aos que se dedica o curso de verán ENCORDASS, establecendo relacións con distintas agrupacións culturais e ONGs grazas ás cales é posible becar alumnos en risco de exclusión para coñecer a cultura galega, e así mesmo compartir cos nosos alumnos as súas experiencias vitais e musicais: India 2015, Beijing 2016, Veracruz 2017, Países Árabes 2018, Hungría 2019,                

O traballo desenvolvido por Alfonso ao redor do violín galego valeulle ser portada da prestixiosa revista "Fiddler Magazine", na que dedicaron un extenso artigo ao panorama galego do violín folk.

Xosé Liz de Cea

Mestre
Responsable do Departamento de Comunicación
Materias: Requinta, Corda Pulsada, Práctica Orquestral, Conxunto Instrumental, Aula Aberta de Corda Pulsada e Requinta, Banda de Gaitas.

Foto: Cristina Brea Lodeiro


 Un dos músicos máis completos e activos do panorama musical galego, formado en agrupacións como “Xarabal”, “Opentunning” ,”Blanco”... Coordina a sección de Requinta da Orquestra Folk de Galicia "SondeSeu". É o mestre de Requinta e Corda Pulsada na e-Trad Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo , Laboura que comparte coa actividade escénica nas bandas de: “Ardentía”, “Beladona”, “Entre Trastes”, “Lizgairo” “Anxo Lorenzo”, "SondeSeu" e "Riobó"

Chuco Estévez

Mestre
Materias: Percusión, Conxunto Instrumental, Ritmos e Xéneros, Aula Aberta de Percusión.

Foto: Anxo Pintos
Iniciou a carreira de percusión tradicional da man de D. Enrique Otero Covelo (mestre de gaita no Conservatorio Superior de Vigo) como integrante na formación “Amieiros do Lagares” (Vilar – Lavadores) anos 80. Participa tamén na Banda de Gaitas Raigames (1981) dirixida polo mesmo mestre, facendo esta de lugar de encontro con outros músicos cos que mais tarde cofunda o “Colectivo Paseniño”(1982) realizando o primeiro rexistro sonoro en colaboración co contacontos “O Xestal” (Dial Discos, S.A.1988). É colaborador do gaiteiro “Ricardo Portela” ó que acompaña en diversas actuaciós e tamén na gravación do disco “Alborada en Cotovade” (Edigal. 1990) derradeiro traballo do mestre. Forma parte dende o 1997 do grupo “Chouteira” co que grava o CD “Ghuaue” (1998) e “Folla de lata”(2001)Realizou a través da súa carreira diferentes colaboracións  ocasionais con grupos como Noitarega , Muxicas, Mattocongrio,...O seu último proxecto chámase “Tinta Femia”, agrupación formada por algúns dos ex-compoñentes de Chouteira.
Foi mestre do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín no que ademáis de impartir clases ten realizado diversos cursos de distintos estilos de  percusión da man de mestres coma Eliseo Parra (percusións tradicionais da Península Ibérica), Dominic Molard (Tabla India), Marcos Teira (Palos flamencos), Xurxo A. Toncoso (Percusión brasileira), Pedro Estevan (percusión manual e Música antigua.
Na actualidade imparte clases de percusión tradicional na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD e na Escola Livre da MPG a-Central, en Santiago de Compostela

Carlos Quintá Cagide

Carlos Quintá 

Mestre
Materias: Acordeón diatónico, Conxunto Instrumental, Aula Aberta de Acordeón Diatónico.

Foto: Anxo Pintos

Diplomado pola USC en maxisterio, estuda acordeón diatónico con Pedro Pascual no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, institución pioneira na pedagoxía da música popular da Galiza, completando ós seis anos previstos no plan de estudios e seguindo ata a actualidade cunha formación autodidacta tanto no ámbito do diatónico como no estudo de armonía, arranxos e composición. Cursa até grado medio na música académica de violín para despois ampliar estudios de xeito autodidacta nos rexistros das músicas populares. Vai a talleres de música con xente coma Jacky Molard, Janick Martin, Alain Pennec, Cati Plana, etc. Dende o ano 2009 é o profesor de acordeón diatónico da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Traicional (ETRAD). 
Artísticamente forma parte coma músico, principal arranxista e productor do grupo Linho Do Cuco, formación de murga contemporánea coa que grabou os discos Linho do Cuco (Ed. Nakra, 2003), 3 (autoedición 2007), As Alegrías (Acentral folque 2012), Viva Viva! (Discos da Mákina 2016)
En 2017 bota a andar o proxecto Oradaladou coa cantante e acordeonista Sonsoles Penadique, co que veñen de publicar Cantigueiro de Cotobade ( Ed. Galaxia 2019), conmemorando o ano Fraguas das letras galegas. Formou parte co zanfonista Óscar Fernández do dúo Fdez e Quintá e do cuarteto Estatalá centrado na interpretación de música popular para o baile. Desde o ano 2007 é músico das compañías de teatro e teatro de monicreques Seisdedos, Viravolta e Fantoches Baj, coas que leva realizado máis de 500 actuacións por toda a xeografía peninsular, e participado en 14 montaxes teatromusicais. 

Begoña Riobó Agulla

Mestra
Materias: Arpa Céltica, Etnomusicoloxía, Conxunto Instrumental, Aula aberta de Arpa Céltica.

Estudiou Arpa Céltica con Rodrigo Romaní, violín clásico con Natalia Soltan e Armando Toledo, zanfona con Anxo Pintos e violín folk con Alfonso Franco e Jacky Molard, 

Licenciada en Historia da Arte, especializada nos itinerarios de música e arte contemporánea. É a violinista por excelencia do panorama folk gallego. No eido da música, comeza a súa andaina profesional no ano 2000. 
Formou parte da banda de “Carlos Núñez” durante sete anos, experiencia que a levou a gravar 4 traballos discográficos: “Almas de Fisterra” (Sony 2003), “Carlos Nuñez e Amigos (Sony 2004), (Premio da Musica ó mellor disco de música tradicional 2005). “Cinema do mar “ (Sony 2005), e “Nuit Celtique II” DVD en directo no Stade de France (2003); a pisar teatros e festivais ao longo e ancho dos cinco continentes e a tocar coas primeiras figuras do panorama folk, entre os que cabe citar a Noa, The Chieftains, Dan Ar Braz, Sharon Shanon, Solas, etc. 
Foi membro fundador do grupo “Irtio” obtendo o 1º premio no Concurso de Música Folk "Xacobeo´99" e con quen gravou o seu 1º CD "Mar de Pedra" (Discmedi 2002).

  Durante os cursos 2007-08 e 2008-09, impartiu asignaturas vencelladas ao departamento de Historia da Música do Conservatorio Superior de Música de Vigo. 

Forma parte da sección de violíns da Orquesta Folk de Galicia "SondeSeu" con quen gravou "Mar de Vigo", "Trastempo", "Barlovento" e "Danzas Brancas” e “Beiralúa” traballo no que gravou como violín solista a suite San Martiño. Foi colaboradora habitual nos directos do trío “Lizgairo” e dos gaiteiros: “Anxo Lorenzo”, “Susana Seivane” e "Xosé Manuel Budiño” entre outros.
Liderou ata o 2017 a súa propia formación: "Riobó", coa que ten editada dous traballos discográficos: "Riobó" (Zouma 2011)  e "Quiral" no 2015.
Imparte cursos volcados no ensino do violín no eido da música tradicional como o curso do Festcat en Girona (2011) , e o "Crisol de Cuerda" dende o ano 2011 ata hoxe, o único Fiddle Camp que Alasdair Fraser e Natalie Hass organizan en España. Foi mestra tamén no 2018 no "Skye Trad Strings”, campamento que organiza Alasdair Fraser na Illa de Skye (Escocia).  Nas dúas edicións do Barcelona Fiddle Congress, ou no San Simón Fiddle, o campamento de verán organizado pola asociación Galicia Fiddle en tócalas súas edición ata o de agora).

É mestra de Arpa Céltica, Conxunto Instrumental, Etnomusicoloxía, Aula Aberta de Arpa e Práctica Orquestral na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD

Xela Conde Fernández

Mestra
Materias: Ritmos e Xéneros do Canto Tradicional. Polifonía. Aula Aberta de Coro. Aula Aberta de canto tradicional. Linguaxe musical. Música e Movemento,


Diplomada en maxisterio, folclorista, experta en Formación de Formadores, coach e músico multiinstrumentista. Compaxina a súa vida entre a docencia, a música e o coaching.

Pertenceu como bailadora e pandereteira en varios colectivos como “Louleada” (gravando o disco “Trubisqueira”) e na ACF O Fiadeiro, onde tamén levou a coordinación da escola de dita asociación e deu aulas de canto tradicional e técnica vocal, ademáis de participar na gravación do disco “O Fiadeiro”

Como frautista e compositora foi membro fundador do grupo “Avalon” co que fixo varias xiras dentro e fora do territorio nacional e gravou dous discos “Lúa Meiga” e “Beltaine”.

Forma parte da sección de canto na Orquestra folk “Sondeseu” dende a súa creación, gravando os discos “Mar de Vigo”, “Trastempo”, “Barlovento”, “Danzas Brancas” e “Beiralúa”e levándolle por numerosos escenarios nacionais e internacionais. Cantante na  nova formación “Pink Roe”. Como violinista en “Eikasía”, permitíndolle seguir desenrolando a súa parte máis creativa nos arranxos e composicións.


Foi mestra durante oito anos de canto tradicional, técnica vocal e conxunto instrumental na Tradescola (Lugo) xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Tamén foi mestra de canto tradicional durante 5 anos nas Escolas Abertas, xestionadas pola Consellería de Emigración da Xunta de Galicia. Forma parte do equipo de mestres da ETRAD dende 2009 dando clases das asignaturas de Ritmos e Xéneros do Canto Tradicional, Polifonía, Aula Aberta de Coro e Aula Aberta de canto tradicional, linguaxe musical e Música e Movemento. Tamén disfruta dando aulas de canto tradicional, levando o taller musical na Residencia para persoas con Autismo e Psicose Castro Navas, facendo sesións de Coaching e impartindo cursos sobre Técnica Vocal.